A SEARA 83’

Título original: A Seara 83’

Título em português: A Seara

Direção: Pepe Coira

Produção: Jesús Vecino

País: España | 2015

Sinopse:

Esta é a historia dun fracaso. Ou dun éxito. Ou a historia dun fracaso que mereceu a pena.

A Seara, unha pequena aldea do Caurel situada ao pé do pico de Formigueiros, foi obxecto dun proceso de rehabilitación hai quince anos. Tratábase de preservar o carácter urbanístico e arquitectónico e, con isto, contribuír a revitalizar turisticamente un lugar que, coma tantos outros, estaba en risco de esmorecer. Para levar o proxecto adiante era imprescindible a complicidade dos veciños, que habían de asumir unha parte do custe da rehabilitación.

Anos despois, os seus protagonistas -os arquitectos e os habitantes da aldea- rememoran aquela experiencia que os marcou e que marcou a vida da Seara.

Os desexos cumpridos e incumpridos, os acordos e desacordos, as dificultades e logros daquel proceso son a materia da que está feito este documental. Porque non todo saíu ben. Nin se garantiu que no futuro -o noso presente- se fose preservar o conseguido entón. De aí aquilo do fracaso.

Con todo, hoxe A Seara amosa unha vitalidade bastante maior ca moitas das aldeas da contorna. Son numerosos, e de variada orixe, os que a adoptaron coma lugar para as fins de semana, para as vacacións. A Seara sobrevive. E moitos melloraron as condicións das súas casas. Que llo digan a Carrete, que transformou unha fea terraza de cemento nunha ampliación da súa cantina para ter habitacións que alugar aos sendeiristas. Ou que llo digan a Generosa, que recuperou o corredor que no seu día adornara a casa. De aí aquilo do éxito.

Se lles preguntas aos arquitectos -Jorge, Alberte, Gorka e Guiti-, verás como se lles iluminan os ollos. Pasárono mal, traballaron en precario e levaron máis dun desgusto. Pero non se arrepinten da experiencia. Guiti, fillo e neto de lucenses da capital, di que A Seara, que visitou por primeira vez aquel 1999, é a súa aldea. Será porque alí experimentou o mellor da arquitectura, o que esta ten de arte vinculada á vida real dos que a han de habitar. Aprendeu a estar non en fronte ou por riba, senón a carón dos veciños, e que para o seu traballo era tanto ou máis importante ver e escoitar ca debuxar. De aí que fose un fracaso que mereceu a pena.